Novas
luns 01/09/2008
Ao redor de 4.000 persoas déronse cita na "Feira do Cabalo" de Carral
A xa tradicional Feira do Cabalo organizada pola Concellaría de Comercio, a cargo da edil Florinda Duarte, celebrouse durante a xornada do domingo no concello carralés.
Dende as 10 da mañá comezaron a chegar a Carral os equinos procedentes de toda Galicia que se deron cita xunto aos seus propietarios nesta cuarta edición da feira. Preto de 4.000 persoas achegáronse ao recinto no que se desenvolveron os distintos concursos e exhibicións.
Excelentes exemplares de cabalos e eguas de pura raza presentáronse ao concurso morfolóxico, no que se decidiu, baixo o mira do xurado Fernando Roca (especialista no mundo cabalar), os mellores pura raza española, galega e árabe así como o mellor poldro. Os primeiros foron premiados con 100 euros e escarapela; os segundos levaron un premio de 50 euros; e 30 euros foi a cantidade que recaeu nos terceiros equinos con mellor raza. Predominou a raza española aínda que tamén houbo moi bo gando galego.
Tras o concurso dos exemplares máis belos gozouse dunha exhibición de doma clásica e doma vaqueira a cargo de "Enmeigo Ecuestre de Burgos" e Asociación do Cabalo "AXUDA" de Narón. Foron estes especialistas en doma os que protagonizaron un dos momentos máis espectaculares do día, cando unha nova ataviada de "faralaes" bailou xunto a un fermoso cabalo negro.
Tamén houbo tempo para a diversión co concurso de barrís, para nenos e adultos que gozou dunha gran participación. A xornada rematou a última hora da tarde e dende o Concello mostraron a súa satisfacción grazas ao grande éxito de público e de participación, que mellora mesmo anteriores edicións.
voltar






