Novas
luns 08/05/2008
O Concello espera a visita de ao redor de 10.000 persoas
A Festa do Pan converterá a Carral en centro da comarca durante o fin de semana
Carral, 8 de maio de 2008. O Alcade de Carral, José Luís Fernández Mouriño, xunto ao Presidente da Asociación de Panadeiros de Carral, Manuel Dá Cunha e a Concelleira de Comercio e Emprego, Florinda Duarte Gerpe, presentaron esta mañá VI Festa do Pan que levará a cabo este fin de semana na vila carralesa.
A Festa do Pan de Carral é un acontecemento que se converteu xa nun dos clásicos da primavera e concentra cada ano a un gran número de visitantes. A sexta edición deste encontro desenvolverase os próximos 10 e 11 de maio e Carral vibrará de novo cun programa de actividades e espectáculos dirixidos a todos os públicos.
Durante esta edición, nas que se espera a visita dunhas 10.000 persoas, o pan de Carral é o auténtico protagonista desde o comezo da festa, o sábado a partir das 10 de mañá. A Asociación de Panadeiros de Carral exporá os seus produtos nunha gran carpa na que ademais do pan carralés ofrecerase o especial Bocadillo Quente de xamón con tomate que fará as delicias dos visitantes.
Unha das actividades máis esperadas é o Obradoiro de Pan, dirixido ao público máis novo. Os nenos e nenas que participen, o pasado ano máis de medio milleiro, terán a oportunidade de aprender o oficio de panadeiro e levar a casa os seus propios boliños de pan de Carral, amasados por eles mesmos.
Espectáculos, acróbatas e talleres
A Feira Medieval estará de novo instalada nas inmediacións do concello convertendo a contorna durante un par de días nun auténtico mercadillo do medievo. Conseguirano ofrecendo unha variedade de espectáculos que van desde músicos, malabaristas e zancudos ata acróbatas, pirotécnicos, artesáns en directo e talleres.
Haberá tempo para a maxia -da man de Benxamín e Loly-, para os monicreques, -a cargo de Caramuxo Teatro-, e ata para unha interesante demostración de figuristas talladores de madeira con motosierra.
Os actos máis solemnes desenvolveranse o domingo, día no que celebrará unha misa en honra a San Honorato, patrón dos panadeiros, e ofrecerase o pregón da festa que correrá a cargo de Pablo Villamar, vicepresidente da Deputación da Coruña.
Moita música
E por suposto non podería faltar a música coa participación da Charanga Ruada, a Agrupación Folclórica Folliñas de Oleiros, durante o día e a animación das noites a cargo de orquéstra Cinza -o sábado- e a orquestra Fania, o domingo.
Desde o Concello e a Asociación de Panadeiros de Carral, como cada ano, realizouse un gran esforzo para elaborar un programa a gusto de todos e con contidos atractivos para os veciños de Carral e aqueles que queiran visitar a vila durante este fin de semana. O obxectivo é como sempre a exaltación e promoción do produto que pasea o nome do concello por toda Galicia, ademais de impulsar o comercio carralés e o resto de atractivos da vila.



