Novas
xoves 22/10/2009
Este domingo celébrase a VI Festa do Magosto e a I Xuntanza Palilleira de Carral
A VI Festa do Magosto e a I Xuntanza de Palilleiras de Carral centra a oferta de ocio promovida polo concello de Carral para este domingo. Canto a sesta edición do magosto,vai reunir o redor de 300 comensais nas carpa instalada no campo da feira de Carral.
Así, a partir das 14:00 as persoas que se teñan apuntado ao magosto, o prazo vai estar aberto até a mesma hora do inicio do xantar, van poder participar nunha comida a base de empanada, polbo, carne ao caldeiro viño, refrescos, postres e café e unha cunca de castañas. A festa vai estar animada por un dúo musical
As persoas interesadas en acudir ao xantar do campo da feira poden apuntarse no centro social Toñito Espiñeira, esta mañá a listaxe xa ía polos 175 comensais. Os prezos son para empadroados no concello de Carral, 20 euros; para os non empadroados, 25 euros e para os nenos e nenas 10 euros, todos os prezos son por persoa.
Palilleiras
No que toca á I Xuntanza de Palilleiras de Carral vai reunir ao redor de 120 palilleiras de Carral e dos concellos limítrofes de Abegondo, Culleredo e Cambre, fundamentalmente. A reunión de aficionadas a palillar vai ter lugar nunha carpa instalada a caron da Igrexa, a poucos metros do campo da feira de Carral. Segundo a concellería de Cultura, organizadora do acto, vai haber tamén unha exposición de encaixe e sorteo de agasallos entre os participantes.
A Concellería de Cultura decidiu levar adiante este encontro de palilleiras debido ao interese que esta artesanía ten no municipio. Neste sentido, hai que destacar a labor neste campo da Asociación de Veciños de San Vicente de Vigo e ás asociacións de palilleiras de Quembre e Tabeaio, estas dúas últimas nacidas como resultado do traballo realizado desde o Concello de Carral na promoción desta recoñecida artesanía.
voltar



