Novas
xoves 14/05/2009
Carral brilla no Campionato Galego de tiro olímpico
De extraordinario pódese calificar o triunfo obtido polo equipo categoría cadete de Carral no campionato galego de carabina celebrado en Lugo, ao clasificarse por primeira vez campión autonómico de tiro con escopeta de balines.
Á súa vez o tirador carralés Iván Lesta, gañou a medalla de ouro, ao clasificarse brillantemente en primeiro lugar na súa proba, cunha marca de 356 puntos. O terceiro lugar e medalla de bronce gañouno o novo tirador de Carral, Pablo Regueiro Morandeira e o cuarto lugar foi tamén para o tirador do Club Carral, Daniel Pracer. Estes tres tiradores formaron o equipo que conquistou a primeira praza nos campionatos autonómicos de tiro, seguidos do equipo da Hípica da Coruña, do Club de Campo de Lugo A e B e do de Orense.
Tamén participou o tirador local Diego Fernández Queijeiro, que se clasificou sexto coa súa mellor marca persoal.
Todos estes tiradores pertencen ás Escolas Deportivas Municipais do Concello de Carral, algún ata se iniciou este mesmo ano, o que demostra o interese do Concello en manter e protexer estas aulas de ensino que benefician aos mozos con novas promocións deportivas que lles poidan introducir na formación de novos valores.
En pistola categoría xuvenil, outro gran triunfo de Miguel Sánchez Gómez, permitiulle gañar a medalla de prata coa extraordinaria marca de 558 puntos, só batido polo tirador lucense Marcos Veigas que chegou ata os 560 puntos.
Miguel Sánchez realizou unha notable melloría desde que acode ás concentracións do equipo nacional español chamado polo seleccionador nacional que o proclamou como unha futura figura deste deporte.
As Escolas Deportivas Municipais están dirixidas polo prestixioso adestrador Jaime González Chas, único adestrador nacional que fixo os cursos internacionais da ISSF.
Para rematar felicitar ao Club Carral de Tiro Olímpico polos éxitos dos seus tiradores e ao Concello de Carral polo apoio que presta ás Escolas Deportivas Municipais.
voltar



