Novas
mércores 06/05/2009
Un ano máis a ximnasia rítmica da comarca dase cita en Carral

O pasado, sábado 2 de maio o concello de Carral celebrou unha nova edición do Certame de Municipal de Ximnasia Rítmica. Neste xa clásico evento deportivo, participaron mozas das escolas e clubs como "Fogar de Santa Margarita", Club Tempo, EDM Carral, EDM de Abegondo, CEIP A Rabadeira e a Escola de Ximnasia Acordes, abarcando así un enorme abanico representativo de toda a comarca coruñesa.
En total contamos con 148 ximnastas, que desenvolveron un total de 27 actuacións, tanto colectivas como individuais, e ao redor de 300 espectadores, entre familiares e espectadores. As idades das deportistas oscilaron entre os 5 anos das máis precoces e os 16 das máis "veteranas".
A xornada deportiva comezou ás 17.05 h no pavillón municipal de Carral, e ao longo da hora e cuarto que durou a exhibición, as ximnastas amosáronnos o seu dominio en diferentes disciplinas deste deporte, como mans libres, pelota, cinta e aro. Unha vez rematada a actuación, sobre as 18.20 h, a concelleira de deportes de Carral, Beatriz Gómez Bouzas e a súa homóloga no concello de Abegondo, Cristina Rabón, fixeron entrega a todas as deportistas dunha medalla conmemorativa do certame, e dun ramo de flores a cada un das entidades invitadas ao mesmo.
Novas actividades
Doutra banda, a concellaría de deportes, está ultimando os preparativos para a realización dos seguintes eventos deportivos; o Paso de Grao de Judo, que terá lugar o 17 de maio no pavillón municipal de Carral e no que os mozos yudocas da comarca coruñesa examinaranse para alcanzar un maior grao no dominio desta arte marcial. Finalmente, o sábado 30 do mesmo mes terá lugar no pavillón municipal do Espiño, clausúraa das escolas deportivas, culturais e educativas municipais, acto en que participarán ao redor de 600 alumnos/as.
Todas estas actividades continúan o programa de promoción e fomento do deporte que o Concello de Carral, mediante o seu departamento de deportes, está desenvolvendo durante este ano 2009. Con este programa deportivo, a autoridade municipal pretende potenciar a práctica deportiva no termo municipal e en especial entre un sector da poboación tan sensible como é o infantil.
voltar



