Novas
xoves 08/03/2012
O pavillón do Espiño acolleu o 4ºcurso de pesca con mosca
Por cuarto ano consecutivo o Club de pesca Salmo organizou o sábado e o domingo as súas xornadas de portas abertas, para todos os que quixeron achegarse e gozar da actividade da pesca. Unha parte destas actividades realizáronse o día 3 de marzo dende as 10,00h ás 20,30h, nas instalacións do Club Salmo e estiveron adicadas á montaxe de moscas, sendo impartidas por prestixiosos montadores. En canto ao día 4 de marzo, celebrouse no pavillón do Espiño, instalación deportiva cedida polo Concello de Carral, dende as 10,00h ás 14,00h, e estivo adicado ao lance da sedela pesada ou cola de rata, sendo impartido polos prestixiosos lanzadores César de la Hoz e Raúl Portés. Tamén estivo presente o mundialista David Arcay.
Esta actividade formativa tivo un carácter gratuíto para os membros do club, cunha cota máxima de 20 alumnos, aínda que a entrada foi libre e os visitantes e espectadores puideron participar na xornada de lance.
O obxectivo que persegue a organización con estas accións formativas é a de mellorar esta técnica nos seus asociados e ao mesmo tempo divulgar o coñecemento desta modalidade deportiva que cada vez conta con máis adeptos.



