Novas

Novas

xoves 24/05/2012

ROI VIDAL GAA O XV CERTAME DE POESA "CONCELLO DE CARRAL"

Roi Vidal Ponte, coa súa obra “Teatro” resultou gañador do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.

O xurado resalta da obra gañadora a súa linguaxe coidada e provocativa, con moita propensión ao minimalismo, xogando cos silencios e creando rasgaduras sen chegar ao melodrámatico. O libro mantén en todo momento atrapado ao lector, convertíndoo nun espectador activo, nun voyeur.

Roi Vidal Ponte (Santiago de Compostela, 1982) é un creador polifacético e antidogmático. Como dramaturgo publicou algunhas pezas de teatro breve como A última tentación de Edipo (Revista das Letras, 2006), Julieta’s Black Hole (Casahamlet, 2010) e Kindertontenfuga (Casahamlet, 2011). En canto a obra poética ten espallados diversos poemarios como Amort (Revista das Letras, 2007), 5 Haikus pornográficos (Dorna, 2008), Roma (Revista das Letras, 2009) e Pop (Finalista Premio Xuventude Crea 2010, Xunta de Galicia). Como director de teatro dirixiu Matilde, co grupo universitario Bicodobrelo (2008) e Faraoas, espectáculo baseado nun texto da súa propia autoría (Tirita Producións, 2011). É tamén crítico teatral (Vieiros, Faro de Vigo, Protexta, O Galiñeiro) e membro de Estaleiro Editora e do grupo Ataque Escampe.

Formaron parte do xurado deste edición do certame Emma Pedreira, Antía Otero e Luciano Rodríguez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez.

Ao certame presentáronse un total de 40 libros.

O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

O acto de entrega do premio terá lugar o 25 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2012. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, “Libro das mentiras” de Emma Pedreira. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

voltar
Pululart